23 de abril de 2008
25 de marzo de 2008
Chega Teatrofilia!!!


Un ano máis, chega Teatrofilia. Van cinco! A inauguración, que será este venres 28 ás 21.15h., vai á nosa conta, así que se aínda non te sometiches a unha boa sesión de "Metus Extremus", esta é unha boa ocasión. Por certo, se te animas, sé puntual, porque da última vez tivemos serios problemas de aforo.
Un ano raro, porque nos faltan Sara e María, ás que botamos moitíííííísimo de menos, e que estamos desexando que cheguen para poñelas a traballar (faltaría máis).
A máquina está quentando... menudo mes nos queda por diante!
18 de marzo de 2008
Pechado por vacacións
Había mogollón de tempo que non tiña vacacións, así que esta Semana Santa hai que aproveitala.
De aquí ao domingo, pechamos por ferias, que imos de paseo ao País Vasco, a gozar dunha oferta de internet. O malo é que ten toda a pinta de chover.
E xa alí, podería subir ata Francia, pero aínda teño algún problemiña pendente coa xustiza gala, así que imos deixalo para máis adiante...
13 de marzo de 2008
Esta noite, na Sala Nasa, ás 20,30h, Realidades Avanzadas.
6 de marzo de 2008
Alternativa
Veñen de pedirme o voto na casa. De anunciarme que hai mitin. Sáeme a campaña polas orellas. Todo o mundo fala de política. Non entendo os debates. Cando se di que gana e cando se di que perde, nunca estou de acordo. Non comprendo as súas razóns.
Gústanme máis as cartas de amor. Mañá vou participar, xunto cun compañeiro do grupo de teatro, na lectura das cartas de amor que gañaron o concurso que organizou o concello (do lado). Hainas moi bonitas, e cursis, como ten que ser, pero hainas cañeiras, sorprendentes, de amores insólitos... Está guai.
Tamén comezou onte Zona Alternativa, na Sala Nasa, así que pasarei esta noite para descubrir El Canto de la Cabra. Non pensedes que estea facendo publi, eh... Pero é unha oportunidade única para ver as compañías que levan anos currando na creación contemporánea, con traballos que son moi complicados de crear aquí (para haber un teatro alternativo tería que haber un comercial normalizado) e que aquí non coñecemos (pouco coñecemos as de aquí...).
Cartas de amor. Teatro alternativo. Eleccións. Cada día abúrreme máis esta política-ficción. Menos mal que esta vez temos canción, para que sexa menos coñazo.
29 de febrero de 2008
Nun 29 de febreiro

Esta é a miña última incorporación, trátase dun bonsái Serissa Phoetida, que aínda que parece pequeno xa ten 9 anos.
Estou moi contenta, porque en primavera xa me toca podalo e despuntarlle os brotes. Teño que ir mercar fío de cobre para darlle unha forma ben bonita.
Por iso ben sen formar, recto, porque quen mo regalou sabe que a min gústame darlle a forma que quero. Teño que buscar o libro, para lembrar como se facía e a ver se me sae ben. Tamén teño que peitearlle as raíces, e darlle mimos. Para que un bonsái vaia arriba, ten que haber un vínculo especial entre un e a árbore.
Chega un 29 de febreiro, e non é casualidade: é o risco que ten namorar en ano bisiesto.
Teño que poñerlle un nome, se tes unha proposta, adiante!
25 de febrero de 2008
A SGAE, á altura dunha ONG
A SGAE, o mesmiño ca unha ONG, como podes comprobar nesta entrevista:
“- Cómo se hace el reparto de ganancias de la SGAE, ¿se distribuyen los beneficios en función de las ventas de cada uno?
- Los sistemas de reparto de la SGAE están fijados por ley, o sea, nosotros no somos una sociedad mercantil somos una asociación y estamos inscritos en el registro de asociaciones, en el mismo registro que una ONG. Y como somos una entidad sin ánimo de lucro tenemos una fiscalización del Ministerio de Hacienda y nuestro reparto tiene que estar acreditado."
Vamos, o mesmiño.
Vía Mangas Verdes, cunha recua de datos de interese.
19 de febrero de 2008
Que é a tenrura?
Esta é unha das 18 historias que forman unha das mellores pelis que vin ultimamente, Paris je t'aime. Non a atopei en castelán, pero só falan o primeiro minuto en francés, a historia píllala enseguida. Ao cativo pregúntalle unha voz en off como se coñeceron seus pais, e el dille que no cárcere. Ese é o punto central da conversa, por se tes problemas coa lingua de Asterix. Despois, é mudo.
A peli é altamente recomendable, porque cada historia, ao ser tan breve é moi innovadora e arriscada, permitíndose unhas licenzas fantasiosas que son moi satisfactorias. Ademais, cada historia é de seu pai e súa nai, pero son pais moi coñecidos, como os Coen (que para min recollen o sentimento que calquera estranxeiro ten cando chega ao metro de París: nunca lle mires aos ollos a ninguén se non queres recibir un sonoro "e ti que miras!?"), ou de Isabel Coixet, etc.
Esta en concreto é de Sylvain Chomet. Espero que che guste.
18 de febrero de 2008
Non esquecemos
Manifesto de José Luis Sampedro contra o préstamo de pago en bibliotecas lido fronte á Biblioteca Nacional de Madrid en abril de 2007.
7 de febrero de 2008
Pizza Yeyé
O martes de Antroido, como non podía ser doutra forma, disfrazámonos na casa e estivemos toda a tarde de cociña. Pero como a min o do cocido e as filloas non se me dan ben, o cativo máis eu fixemos o que sabemos e o que nos mola: unha pizza. Pero currada, destas que fas a masa e todo, nada de bases conxeladas. Aínda así, innovamos pouco, porque o cativo non me deixa experimentar (o de botarlle berberechos, choquiños e polbo á pizza non lle molara nada).
E fixemos unha pizza temática: unha pizza yeyé, que é a que fas vestidos en plan Escobar&Conchita Velasco, con música de fondo. A idea veu porque atopamos un cd de música francesa dos 60, e andabamos todos emocionados facendo a mona.
E de repente, xa estaba a fase galán de meu avó esquecida, cando comezou unha canción que fixo que unha lagrimiña lle escorregase en silenzo. É bonito, así contado, pero que saibas que este ramalazo teatreiro a min venme na xenética de algún sitio, eh.
27 de enero de 2008
Delirando
Pois aquí me-ando, na cama, e enferma. Teño gastroenterite (outra vez). Debe ser que como certo robot marchou para os USA e asumín o seu papel de ciborg insano.
Así que en plena época de exames e con mogollón de traballo ás costas, volvo apañar o virus maldito que me deixa feita polvo durante unha recua de días. Levo así dende o luns da semana pasada.
Intentei curarme pola vía tradicional, rollo sanote de herbas, infusións e así, pero cando me dei de conta de que me pasaba o día pedindo "dame veneno que quiero morir, dame veneeeno", pois optei por cambiar e recurrir á miña doutora de confianza. "Tes sensación de estar embarazada?", "pois igual si, aínda que...", e deume un xarabe que me quita as náuseas, aínda que con efectos secundarios: somnolencia. Durmo polas paredes. Durmo. Durmín toda a mañá, e boa parte da tarde de hoxe. Durmo pola noite. Durmo esperta. Constantemente.
Outra doutora da miña confianza, é o que teñen as amizades de mamá que son médicos, alarmouse, coma min, ao ver que outra vez estaba con gastroenterite, e deume un novo diagnóstico: gastroenterite cuadrimestral. Porque a anterior foi en setembro, e a outra fora en maio. Curiosamente, o ano ten doce meses, perfectamente divisible por 4, así que igual que o curso universitario, terei gastroenterite por cuadrimestre, aínda que non terei as vacacións, claro. Xaneiro, maio e setembro, en época de exames ou case. Que diría House deste cadro?
O caso é que despois dunha semana sen poder comer unha verdura, unha froita, tortilla... ben, sen poder comer case de nada, estou delirando. Esta tarde, durante a miña primeira sesta, soñei que estaba nun restaurante, e comía chourizos asados con augardente, e peixe, chipiróns, patacas, pemento... e lía a carta unha e outra vez. Despois tamén tiña que facer de figurante en Mar Adentro, aínda que creo que iso era máis ben unha asociación entre o meu desexo de morrer pola dor de tripa e a temática da peli. Por certo, que utilizaban unha escaleira feita con 21.500 bolsas de plástico, por non sei qué da acústica. Trucos de dirección mental.
Vamos, en resumo, que estou delirando. Moito deliro.
18 de enero de 2008
ti que farías
- Ti se te quedaras embarazada, que farías?
- Eu abortaría. Sen dubidalo un instante
- Mira, se algún día chegas a abortar, non mo digas, porque nunca máis podería ser amiga túa.
Anos despois desta conversa, ela non é a miña amiga, e non porque abortara ou non, senón por outras cuestións que tampouco veñen ao conto. Recordoume este asunto os bonitos comentarios da xente que di amar a vida e que fala de asasinos, con relación ao artigo que publica en Vieiros Encarna Otero.
E houbo alguén que fala da liberdade dunha vida que comeza, e que fala de egoísmos, e que fala de moito porque o que ten o falar é que non ten cancelas.
Pero tamén hai moita xente que esquece que as que renunciaron á súa liberdade, á súa independencia, ás que etiquetaban de "nai solteira", a que deixaba de estudar, a que renunciaba ao seu traballo, foi durante moitos moitos anos a mesma. A que tiña o privilexio de ser nai. Pero tamén a que apandou dende sempre coas consecuencias. Porque tampouco oín nunca dicir "ese é fillo dun que abandonou á unha muller porque non quería asumir as consecuencias de botar un polvo e era un fillo de can medica". Por exemplo.
E todos coñecían ao ricacho da aldea, ultracatólico e defensor da familia, en contra de todo o que prescribise a Santa Madre Iglesia, que se a nena quedaba preñada, ía pasar unha semaniña en Londres e non pasaba nada. E ninguén dicía nada.
Entón é cando te cagas en dios, porque non queda outra saída, cando ves a hipocresía de xente que ven dicirche que estás atentando contra a súa liberdade. Señor, señora, se vostede por principios non quere abortar, non o faga, que ninguén lle obriga. Eu por principios, non fago moitas cousas que están permitidas e legalizadas: podería meterme no exército, pero vai contra os meus principios. Podería beber gintonics, pero non me saben. Ou podería pegar un pelotazo urbanístico. Pero tampouco me vai.
Non fago aquí apoloxía do aborto, do sexo inseguro, nin caralladas dese tipo. Estamos falando dunha cousa moi seria, e de algo que cambia a vida ao cen por cen. Pero que lla cambiou, cambia e cambiará principalmente á muller, que é por natureza, quen leva o peso da m/p-aternidade. Cada fin de semana, moitas mozas se someten a unha bomba hormonal como é a pílula do día despois, por exemplo. Non vou negar que me preocupe a tremenda desinformación sexual que existe, as aberracións que teño escoitado de rapazas da miña idade, como que practicando sexo en determinadas posturas evitabas quedarte preñada.
Pero é preciso que haxa opcións, como a pílula do día despois. E que haxa liberdade para que ti, de acordo cos teus principios e a túa ética, poidas decidir se queres ou non abortar. Porque a dona do meu corpo non é ninguén máis ca min. Doutro xeito, a clandestinidade e o marco de ilegalidade non favorecerá outra cousa máis que os abortos en condicións de risco e inseguridade. O resto, é hipocresía.
3 de enero de 2008
Búscase

- Bola con rugosidades na súa parte superior, que se desliza polas zonas do corpo a masaxear, tales como ombreiros, pernas, cintura, pescozo, lombo, pés e mans.
- Emite vibracións que producen un efecto relaxante da musculatura.
- Ideal para eliminar as tensións do traballo ou as ocasionadas por unha mesma postura.
- Esta bola de masaxe é só para uso de masaxe, non para tratamento médico.
- Dispón de cable USB no mesmo dispositivo e interruptor de apagado / encendido.
- Aliméntase desde porto USB consumindo 150 mA, non precisa pilas
- Velocidade de vibración: 3600 rpm.
- Forza: 4.0 - 5.5 v (150ma)
- Lonxitude do cable: 180 cm
- Peso: 147 gr.
- Dimensións: 85 x 43 mm
Sei que está en certa redacción. Se o seu secuestrador/a le este blogue, por favor, que faga a súa oferta e trataremos de chegar a un acordo. Bótoo en falta. O quececuncas USB e o aspirador do teclado USB tamén preguntan por el.
Este é o meu propósito de aninovo: recuperar o masaxeador.
26 de diciembre de 2007
Introspección
Dedicamos pouco tempo a buscar en nós mesmos. A atoparnos. A fedellar no máis íntimo até descubrir o que realmente levamos dentro.
Por iso me chamou tanto a atención ela. Era unha muller normal nun coche normal un martes normal. E por uns segundos ocasionou un pequeno colapso circulatoro nunha rúa minoritaria da cidade de santiaghiñomevaia. Esa muller que deixou quedar o vehículo no medio da rúa porque nese mesmo intre atopouse en si mesma.
Poucas veces profundizamos tanto en nós mesmos, con tanto interese como cando estamos atrapados dentro dun coche. Non hai prospección con tal afán no ser humano. Só hai algo que chega a ser minimamente semellante: cando buscamos tesouros nas praias durantes as tardes de domingo cálidas e infantís.
E o pracer é máximo cando un atopa o que buscaba, igual que aquelas moedas de 500 pesetas que constituían o triunfo entre as areas.
Por iso aquela muller quedou bloqueada no medio da rúa, co mirar perdido e o coche parado. Porque cando un se dá de conta de que esa introspección foi frutífera, non é tan sinxelo reaccionar: que ía facer ela con aquel moco pegado na man?
15 de diciembre de 2007
Como Elia Kazan
Eliana sabe emprender miles de cousas sen enredarse ou dispersarse. O seu carácter é lixeiro e independente. Ten un gran sentido da abnegación, está moi marcada pola súa infancia, polo que lle gusta a ensoñación e o misterio.
Non lle fagas grandes declaracións de amor, porque se escapará baixo o pretexto de calquera cita urxente.
Hoxe hai 23 anos que cargo con este nome, que segundo unha tarxetiña que me regalaron o ano pasado, inflúe dese xeito na miña forma de ser.


