17 de noviembre de 2007

Fado en clave de pranto contido

Por azares do destino, aparecín onte ás 21,30 no Auditorio de esta nuestra comunidá, rodeada de xente de moita alcurnia, entre outros. E é que a casualidade por veces tamén ten cousas boas, e despois de que Calidonia me crease moi altas expectativas, fun coñecer da man dos máis grandes -así eran presentados-, un xénero no que confeso a máis absoluta ignorancia: o fado.

Só presenciara algún en directo interpretado por María do Ceo ou Dulce Pontes. É máis, era un xénero musical que nunca me espertara curiosidade, xa que o asociaba á ditadura salazarista.

Mais os fadistas desta ocasión habían de ser bos, porque ás portas congregábase unha gran multitude entre a que había, como non, moita e moito portugués. Sentei, abrín os sentidos e deixeime levar por Camané, Mariza e Carlos do Carmo.

E foi un concerto en pranto sostido, confeso. Un espectáculo de paixóns e sentimentos que poñía por momentos a pel de galiña. E iso é moi difícil de conseguir. Sentín a luz de Portugal, sons que evocaban unha nenez, sabores, paisaxes e aromas. E romperon prexuízos do fado como lamento, como tristeza e vello. Un espectáculo cargado de modernidade, de vangarda, de sons vivos e alegres que deixaban a vez a outros máis saudosistas. A incorporación da danza, máis atinada nuns momentos ca noutros, contribuía a redefinición aperturista do fado a nivel artístico.

Unha conexión co público total dende o primeiro minuto, coqueteando co castelán, pero gavándose de poder falar en portugués. E é que acabamos todos cantando fado, baixo a ameaza de Do Carmo de non deixarnos saír en toda a noite se non cumpriamos facéndolle os coros.

Particularmente, quedei cunha reflexión de Carlos do Carmo na que tanto teño pensado eu: se tan pertiño estamos, non nos deamos as costas. Pénsoo cando cada día vexo a Sarkozy nos xornais galegos, cando sei máis da actualidade de calquera país europeo ca da lusa, cando quero saber do que alí pasa suponme un sobreesforzo que non teño que facer noutros países.

O gran momento? Un final espectacular, no que Carlos do Carmo baixou do escenario, entrando Mariza e Camané, cantando a capela, como só os grandes saben facer e logrando encher o auditorio, mentres que o público sostiña a respiración no intre máis espectacular do concerto.

5 Non dis nada?:

paideleo dijo...

Eu non o sinto lonxe. Collo a tele e a radio portuguesas. Sempre tiven coñecidos e compañeiros portugueses e cando imos a Arbo no camiño o móbil recibe a mensaxe de " Benvido a Portugal ".
Un saúdo e dicirche que flipei co señor da cervexería.

apicultor dijo...

Ola, é a primeira vez que visito este blog, e aproveito a ocasión de felicitala por el. Veño levado pola intriga doutra opinión súa n´As Uvas.

E quixera preguntarlle se de verdade o bailarín de marras lle pareceu axeitado e de calidade.

A min, desde logo, deixoume frío e perplexo, entre a irritación e o chocalleiro. Non só non pintaba nada nun espectáculo de fado, senón que ademais era malo de solemnidade. A cara de Camané, pétrea e distante, véndoo facer os seus movementos, ao meu ver carentes de imaxinación, era todo un poema dedicado á desolación.

Reciba un saúdo.

Elianinha dijo...

Paideleo, do da cervexería ainda me lembro de cando en vez. E será que Arbo é portugués?

Apicultor, benvido, e agardo que esta sexa a primeira de máis visitas. De danza non entendo, en canto a calidade. Para que a min me chegue a danza e goce con ela (que é o máximo que podo experimentar sen ter coñecementos, insisto de danza), ten que espertar curiosidade, beleza na súa execución e adecuación á mensaxe que a min me chega.

Como xa dixen, o venres estivo máis atinada nuns intres ca noutros. Razoamento:
- Dende o punto de vista de dirección escénica, solapaba aos verdadeiros protagonistas, sobre todo no caso de Camané que era onde peor estaba integrada e como era a primeira intervención resultaba máis inquientante, roubando nun 90% o protagonismo ao que lle correspondía.

- Non contribuíu á estética da posta en escena (polo menos para min).

- Na actuación de Camané non estaba integrado, senón que os dous loitaban, cada un pola súa beira, por atirar a atención do auditorio, compartindo un plano que non se pode compartir.

- Na actuación de Mariza estivo mellor integrado, xa que ámbolos dous interactuaron, e tivo maior xustificación.

- Carlos do Carmo, simplemente cambiou de plano, retirándose cara ao fondo, nun lateral, e limitouse a cantar fitando ao bailarín. Deste xeito permitiu ao espectador localizar cal era o foco de atención nese momento, e non debaterse entre fixarse na interpretación do cantante ou na do bailarín (que visualmente adoita ter máis potencia).

Agora ben, tiña xustificación? Non, para min artisticamente non enriqueceu o espectáculo. Pero asegúroche que a certo persoal -que ademais pincha e repincha na política cultural da nazón breoganiana- lle encantou a danza, porque sempre dá un aire "vangardista". Pero non estaba nin xustificada nin integrada nin enriquecía o espectáculo, senón que chirriaba na meirande parte das súas interpretacións. A excepción da parte con Mariza, onde dende o meu punto de vista, foi a máis razoábel. Outra cousa é pensar porqué había danza, de quen foi a imposición.

apicultor dijo...

Eu tampouco entendo de danza, desde logo. Pero creo que sei distinguir un bailarín bo dun malo, e este era malísimo. Cando un dos que cantaba facía fincapé na palabra coraçâo, ía el e levaba a man ao idem.; cando outro facía o mesmo coa palabra gaivota, vai o ghicho e facía coas palmas acenos de voar. Vamos, un desparrame total.

Estou totalmente de acordo con vostede, e alégrame saber que non son o único que pensa así.

Que a ese persoal que disque pincha e repincha na política cultural breogá lle encantase, tampouco é de estrañar, non cre?

Un saúdo.

(Pode poñer parte do seu comentario no outro blog, que non hai problema)

Calidonia dijo...

A crítica continúa...