24 de noviembre de 2008

O Parque das Nações é un barrio de Lisboa que naceu a partir da celebración da Expo 98, aproveitando as instalacións para tal evento. Agora é a cara máis moderna dunha cidade cun peso enorme da tradición, repleto de edificios actuais, rañaceos que se foron erguendo a partir de 1998, e que agora dan forma ao novo bussiness center lisboeta. 

O metro chega a estación deseñada por Calatrava, un edificio espectacular (só pode recibir ese nome), que te leva ao centro da cidade. A liña Oriente que é a que chega á estación do Parque das Nações ten un tramo ao aire libre, que pasa por un barrio de chabolas, unha extensión de barracas que rodea a cidade de Lisboa. Xusto a seguir da estación Bela Vista, que ironía. 

Onte escoitaba a un lisboeta dicir que entre a cidade e a zona da Expo había un deserto. Para outros é todo un mundo. 

23 de noviembre de 2008

e aínda segue...

Feira de Arte de Lisboa 2008. Nun stand, unha rapaza galega conversa cos gardas de seguridade. 

- Ah, da Galiza, si... Aí segue a dereita, non? Como se chamaba, que era ministro con Franco... Manuel Fraga, non?

- Non, xa non. Agora hai un goberno socialista (tampouco iamos entrar en profundidades bipartidistas...). 

- Socialistas? Que foi, un accidente? Ou o Fraga morreu?

- Non, aínda non. Agora anda en Madrid, no Senado. 

- Que raro, co que lles gustaba a vostedes Fraga... 

- Xa...